FEGAPE DENUNCIA ENCARCELACIÓN DE PERIODISTAS EN CUBA

A Federación Galega de Asociacións de Periodistas (FEGAPE) lamenta e rexeita a recente visita a Cuba dunha delegación institucional e Cultural galega, organizada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en resposta a unha invitación do goberno cubano.

A FEGAPE considera que a viaxe da nutrida delegación galega a illa caribeña (ó redor de duascentas cincuenta persoas), amais do elevado custe que o desprazamento de tamaña comitiva supón ás arcas públicas, representa un verdadeiro despropósito, xa que ven a arroupar a actuación dun goberno ditatorial que non respecta dereitos nin liberdades democráticas.

Despois de que o réxime castrista liberase nos últimos días a catro presos políticos, por motivos graves de saúde, que aínda así tiveron que exiliarse do país, no mento de sacar este comunicado seguen recluídos nos cárceres cubanos ó menos 234 presos de opinión, segundo informacións da Comisión Cubana de Derechos Humanos. Dos 234 presos, 23 son xornalistas, condenados á cadea por exercer o traballo profesional sen a preceptiva autorización dun réxime que despreza e afoga as liberdades de información, expresión e opinión, e non tolera a prensa independente.

A FEGAPE lamenta que a representación galega que viaxou a Habana, integrada por políticos, escritores e xentes do ámbito da cultura de Galicia vaian a Cuba facerlle o caldo gordo a unha ditadura que, durante máis de corenta anos con Fidel Castro e agora co seu irmán Raúl, mantivo e mantén o país nun puño, afogando os dereitos humano e as liberdades máis elementais do cidadán, e que ninguén dos integrantes da delegación avogara ou fixera mención algunha sequera a favor dos presos de opinión do réxime cubano.

A Federación Galega de Periodistas, co apoio moral da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) e Reporteiros sen Fronteiras, denuncia e lamenta a inoportuna visita institucional e cultural da delegación galega a Cuba, sendo como é este un dos países que lidera o ranking dos que máis desprezan e perseguen os dereitos e liberdades democráticas.
Foto de Galicia Hoxe

Comentarios

Entradas populares de este blog

Homenaje a Pepe Castro en Coruña

Almuerzo homenaje a Luis Rivero de Aguilar